Consellos de preparación
Non hai unha fórmula máxica. O importante é ter unha estratexia realista, coñecer o tempo do que dispós e traballar de forma constante.
As realidades de cada un son moi distintas: podes estar unicamente adicado ao estudo, estar na túa primeira substitución e estudando, estar traballando nunha empresa privada e poñerte coa oposición, etc.
1.Organización
- Fai un calendario de estudo realista. Intenta cumprilo semana a semana, pero deixa marxe para os imprevistos. A realidade pode ter outros plans.
- O tempo é limitado. Non intentes preparalo todo á perfección. Prioriza e decide onde paga a pena investir o teu tempo.
- Comeza pola programación. A poder ser, debería ser das primeiras cousas que teñas encamiñadas. Semana Santa pode ser unha boa data límite para tela preparada e poder dedicar despois máis tempo a practicar e perfeccionar o resto.
- Aproveita o que xa sabes. A experiencia profesional e docente é unha vantaxe. Se traballaches cun contido ou o impartiches en clase, probablemente che resulte máis doado estudalo, aplicalo e explicalo.
- Busca conexións entre as diferentes partes. Os coñecementos non están illados. Se un contido aparece tanto no exame teórico como no práctico, aproveita o traballo feito nunha parte para reforzar a outra.
2. Exame teórico
- Escolle temas cunha lonxitude manexable. Como referencia, entre 6 e 8 follas a máquina ou 12-14 follas a man pode ser unha extensión razoable. A realidade é que o tempo do exame dá para o que dá.
- Reescribe os temas coas túas propias palabras. Non se trata simplemente de memorizar: se o entendes e o expresas coa túa forma de escribir e falar, será máis fácil lembralo e desenvolvelo durante o exame.
- Fai resumos do temario. Non vas poder reescribir cada tema ata o infinito. Necesitas materiais que che permitan repasar, consolidar e avanzar.
- Estuda os temas por bloques. Introducións, conclusións, bibliografía e determinados apartados pódense repetir ao longo de varios temas. Aproveita estas estruturas comúns para reducir o esforzo de preparación.
- Utiliza diagramas sinxelos e ben escollidos. Axudan a presentar ideas e poden facer que o tema entre mellor polos ollos, pero non podes perder moito tempo facéndoos. Esquema claro, idea clara e a seguir escribindo.
- Actualiza os temas. Os temarios poden estar desactualizados. Introduce elementos actuais, novas tecnoloxías e exemplos recentes sempre que teñan sentido. Non se trata de cambiar o tema, senón de demostrar que coñeces como evolucionou a materia.
3. Exame práctico
- Prioriza aquilo que realmente controlas. Se tes que escoller entre varios contidos ou tecnoloxías, intenta aproveitar aquilo que coñeces mellor.
- Resolve, pero tamén xustifica. Non abonda con chegar a unha solución. Sempre que sexa necesario, explica as decisións tomadas, as alternativas posibles e por que optaches por unha determinada solución.
- Practica con tempo limitado. Saber resolver un exercicio non é suficiente: tes que ser capaz de facelo dentro do tempo dispoñible. Aprende tamén a distribuír o tempo entre as diferentes partes.
- Non te levantes antes de tempo. Se aínda queda tempo, revisa, completa, xustifica e mellora. Hai puntos que se poden rascar en todas as partes do exame.
4. Programación
- Escolle unha materia na que te sintas cómodo. Moita xente recomenda escoller materias de 2º curso de ciclo superior, pero non existe unha opción universalmente mellor. O importante é que controles o que vas defender. Escolle algo que saibas explicar, contextualizar e desenvolver porque realmente o coñeces.
- Fai que a programación sexa túa. Evita limitarte a reproducir un modelo. Canto mellor coñezas e comprendas as decisións que tomaches, máis natural será defendelas diante do tribunal.
- Fai un reparto razoable das UDs. A veces pode ter sentido facer unha UD por cada RA e outras veces non. Non hai que buscar unha correspondencia perfecta, senón unha distribución coherente e manexable. Pensa nun reparto que non che faga traballar de máis nin na elaboración da programación nin na súa defensa. Lembra, ademais, que en FP existe un número mínimo de UDs que debes contemplar segundo a normativa aplicable.
- Prepara a presentación seguindo a rúbrica. Coñecer exactamente o que vai valorar o tribunal facilita moito as cousas e axuda a non deixar puntos atrás.
- Practica a defensa. Saber o que está escrito na programación non significa necesariamente saber defendela. Cómpre practicar a exposición, controlar os tempos e anticipar posibles preguntas.
E, sobre todo...
- Non busques facelo perfecto. Busca chegar preparado. O tempo é limitado e a oposición ten moitas partes. Non podes dedicar todo o tempo a unha única tarefa, así que é importante avanzar de maneira equilibrada e intentar conseguir puntos en todas as partes.
- Non deixes puntos sobre a mesa. Estuda, practica, revisa e, mentres quede tempo, intenta rascar en todas as partes.
Arquivos de exemplo
Exemplo de programación didáctica
Documento coa programación para a proba de desenvolvemento.
Exemplo de anexos de programación didáctica
Documento cos anexos de programación para a proba de desenvolvemento.
Exemplo de guión para a defensa da programación didáctica
Modelo de guión para a defensa da programación para a proba de desenvolvemento.
Exemplo de memoria final da fase de prácticas
Documento coa memoria final da fase de prácticas.
Ligazóns de interese
Protocolos para o centro educativo.
Guía para a elaboración de programacións dos módulos profesionais.